Anorexia, bulimia e … bacterias?

Serguei Fetissov, investigador da Facultade de Medicina e Farmacia na Universidade de Rouen (Francia), descubriu ca proteína ClpB producida por Escherichia coli, unha bacteria que pode atoparse de forma natural na flora intestinal, explicaría a aparición, polo menos en parte, de transtornos  como a anorexia e a bulimia. Serguei Fetissov e ou seu equipo dirixen agora as súas investigacións cara á nutrición, inflamación e disfunción do eixo formado polo intestino e o hipotálamo, unha rexión do cerebro que regula a inxesta de alimentos a través de dous grupos neuronais coñecidos como centro de saciedade e centro de fame. En presenza desta proteína, ou organismo produce anticorpos que, ademáis da ClpB tamén únense á hormona da saciedade pola súa semellanza estrutural coa molécula bacteriana. Esta hipótese, que primeiro foi corroborada en estudos con ratos, foi confirmada como probable nunha serie de 60 pacientes.

Publicado en Sabías que?, Saúde | Deixa un comentario

Un pouco máis orientados

Hoxe luns, a Asemblea Nobel do Instituto Karolinska de Estocolmo anunciou os gañadores do Premio Nobel en Fisioloxía ou Medicina 2014. O premio foi outorgado ao británico-estadounidense John O’Keefe e ao matrimonio noruegués formado por May-Britt e Edvard Moser.

John O’Keefe dirixe o Centro Sainsbury Wellcome de Circuítos Neuronais e Comportamento no University College de Londres. En  1.971  descubriu que o hipocampo, unha rexión que se atopa baixo a cortiza cerebral no lóbulo temporal medio e que debe o seu nome a súa forma, semellante á dun hipocampo ou cabaliño de mar, alberga  neuronas que codifican a localización específica dun animal, a localización dos obxectos desexables, tales como os alimentos e as ameazas que hai que evitar, é dicir, que actúa como un “mapa cognitivo” que representa o espazo ambiental e guía de orientación o que, presumiblemente, tamén ocorre nos seres humanos. O seu  traballo suxire, ademáis, que o hipocampo pode desempeñar un papel na memoria episódica. A memoria episódica consiste na capacidade de aprender, almacenar e recuperar información acerca de experiencias persoais únicas que ocorren na vida diaria. Estes recordos adoitan incluír información sobre a hora e o lugar dun evento, así como información detallada sobre o evento en si. A capacidade, por exemplo, de describir os detalles do primeiro día na escola ou dunha reunión na oficina que levouse a cabo nas semanas ou meses anteriores, depende en gran medida da memoria episódica intacta.

Máis de tres décadas despois, en 2005, o matrimonio noruegués formado por May-Britt e Edvard Moser que traballa no Centro de computación neuronal da Fundación Kavli, en Trondheim,  descubriu outra compoñente clave do sistema de posicionamento do cerebro. Identificaron outro tipo de células nerviosas que xeran un sistema de coordenadas e permiten un posicionamento preciso e a procura de camiños. A súa investigación posterior amosou como estas células permiten determinar a posición e a orientación.

Sábese que un dos primeiros síntomas de relevancia mostrados polos pacientes de Alzheimer é un déficit na súa capacidade de orientación, polo que tenden a perderse en contornas familiares. Saber como esta función de memoria debería funcionar nas persoas sas, axudaranos a comprender o que cambiou nos pacientes con perda de memoria.

Publicado en A imaxe do día | Deixa un comentario

A volta á Terra nun minuto

A Estación Espacial Internacional (ISS) é un centro de investigación de 109 m de lonxitude, 88 m de ancho e cunha masa próxima ás 420 toneladas que traza círculos completos ao redor da Terra cada 90 minutos a 400 km por encima de nós e funciona como unha estación espacial permanentemente tripulada, na que rotan equipos de 6 astronautas e investigadores. Até o mes de novembro, a Expedition 41 está formada polo comandante Max Suraev e os enxeñeiros de voo Reid Wiseman, Barry Wilmore, Alexander Samokutyaev e Elena Serova.

Ao longo dos ultimos 30 anos, Europa liderou varias iniciativas sen precedentes na exploración do Sistema Solar e do Universo: como o encontro co cometa Halley en 1986; o descenso da sonda Huygens sobre a lúa Titan de Saturno; o estudo do noso Sol cunha minuciosidade sen precedentes; ou a captación de fotografías das galaxias máis afastadas. Pois ben, Alexander Gerst tomou unha secuencia de imaxes de alta resolución a un ritmo dunha por segundo. Con esas fotos, a Axencia Espacial Europea, ESA, fixo un espectaular montaxe  que mostra  o noso planeta a unha velocidade 25 veces superior á captada normalmente polos astronautas.

Estás preparado para dar a volta á Terra nun minuto?

Earth_images_from_Alexander_Gerst_4K_quality

E aquí verás a posición da Estación Espacial  Internacional en tempo real.

Publicado en Sabías que? | Deixa un comentario

Análise de sangue? Adeus ás xiringas!

No Hospital Municipal de Badalona levouse a cabo unha experiencia piloto que utilizou un dispositivo de autoanálisis de sangue non invasivo que ofrece resultados similares aos da analítica convencional e permite reducir o tempo de espera dos resultados de forma considerable. Na experiencia participaron unha trintena de pacientes aos que se lles realizou a nova técnica para contrastar se os resultados eran similares aos obtidos co procedemento convencional, que implica a extracción do sangue. Até o momento os resultados obtidos son moi satisfactorios xa que a variabilidade é mínima nalgúns parámetros e inexistente na maioría.

O autoanalizador de sangue non invasivo obtén datos bioquímicos do paciente mediante cinco biosensores que se colocan nas dúas arterias carótidas, nas dúas axilas e no embigo. Foi deseñado por membros da Academia Rusa de Ciencias Naturais, unha das maiores e máis importantes organizacións científicas de Rusia que conta con case catro mil membros, entre os que se atopan 18 Premios Nobel, a Universidade de Massachusetts e o National Space Biomedical Research Institute da NASA, en Houston (Estados Unidos).

O aparello analiza, entre outros, parámetros vinculados co hemograma, o intercambio electrolítico, as hormonas, os indicadores funcionais do sistema cardiorrespiratorio, o intercambio de lípidos ou os perfís hepáticos, polo que ten un gran potencial para substituír a gran parte das analíticas convencionais que se realizan actualmente. Ademais, ofrece resultados nuns 6-8 minutos, o que podería aforrar tempo de espera a moitos enfermos que requiren unha análise de sangue previo a unha intervención ou tratamento, como podería ser o caso dos pacientes oncolóxicos, que actualmente esperan unhas dúas horas mentres chegan os seus resultados previos a unha sesión de quimioterapia e o cribado dalgunhas patoloxías nos centros de atención primaria tamén podería simplificarse con esta técnica, xa que o médico podería dispor de información inmediata sen necesidade de derivar ao paciente ao laboratorio e despois esperar polos resultados.

Publicado en Sabías que?, Saúde | Deixa un comentario

A historia dos impermeables

Con estes días de choiva, non queda máis remedio que sacar os impermeables do armario e, con eles, unha comodidade máis que gozamos grazas ao desenvolvemento da química.

Os primeiros tecidos impermeables foron inventados en 1.823 polo químico escocés Charles Macintosh, que descubriu que o caucho natural (un polímero obtido do látex de certas árbores tropicais) podería ser disolto con alcatrán de hulla, unha mestura líquida de compostos cun forte cheiro resultante da queima de carbón, que nese momento era considerado un desperdicio. Macintosh descubriu que esta mestura disolvía o caucho, e que ao esparcirlo cun cepillo nunha tea, esta tornábase resistente á auga. Con todo, a tea volvíase pegañenta e Macintosh resolveu o problema colocando outra capa de tecido por encima, quedando a capa de goma entre as dúas de tecido. Pero os problemas non estaban completamente resoltos: o material era pesado, tiña un cheiro desagradable e tendencia a endurecerse co frío e pegañento coa calor, polo que non foi aceptado pola poboación. Aínda así, as forzas armadas e a mariña mercante do Reino Unido empezaron a equiparse con estas pezas para facer fronte ás circunstancias climatolóxicas extremas ás que se enfrontaban.

Ao desenvolvemento destes novos tecidos contribuíron os coñecementos que chegaban a Europa das antigas civilizacións de América, como as dos aztecas, maias e incas. Cristóbal Colón, no século XV, foi un dos primeiros europeos en contactar cos pobos indíxenas americanos, relatando o aproveitamento que facían do caucho natural: pelotas para xogar e para impermeabilización do calzado e pezas de vestir.

Con todo, o caucho natural manteríase case tres séculos despois do seu descubrimento polos europeos, como mera curiosidade, como un material de escaso uso.

O redescubrimiento ten lugar no século XIX, coa Revolución Industrial e o espertar do interese pola comercialización de novos materiais, xa sexa en Europa ou nos Estados Unidos. Así, xorden novos investigadores que utilizan o caucho. En 1839, Charles Goodyear en Estados Unidos e tres anos despois Thomas Hancock no Reino Unido, descubrirán que segundo o tempo e grao de quecemento, a mestura do caucho natural con xofre orixinaba un produto máis resistente e case insensible ás variacións de temperatura.  A ese proceso denominóuselle vulcanización, como homenaxe a Vulcano, deus romano do lume. A substitución do caucho natural por caucho vulcanizado permitiu que Macintosh, en compañía de Hancock, creasen impermeables resistentes á auga con propiedades mecánicas excepcionais: excelente resistencia ao desgaste, flexibilidade, lixeireza e a eliminación da necesidade de disolvente, e por conseguinte, dos malos cheiros e a dobre capa de tecido.

No século XX, co desenvolvemento da tecnoloxía e industria, xorden outros materiais impermeables que teñen a súa base en novos polímeros sintéticos capaces de repeler a auga. Con todo, mesmo algúns dos materiais máis innovadores utilizados na actualidade, o concepto inicial de Macintosh permanece. De feito, ao tipo de gabardina feita de material plastificado ou laminado con plástico, non permeable á auga e destinada principalmente a protexernos da choiva denomínaselle, en inglés, mackintosh.

Publicado en Sabías que? | Deixa un comentario

De todo corazón

Por primeira vez na historia, un ser humano vive cun corazón artificial autónomo desenvolvido cunha serie de plásticos de última xeración e materiais biolóxicos que reproduce con exactitude o funcionamento do corazón no seu peito. O paciente, de 75 anos, atópase aínda en recuperación na sala de terapia posoperatoria, pero o seu estado é moi satisfactorio. 

Ese progreso científico foi logrado por un equipo do hospital Georges Pompidou de París, que colocou no tórax dun home un corazón deseñado polo cirurxián cardiaco Alain Carpentier, inventor das válvulas cardíacas artificiais máis populares fabricadas a partir de tecidos animais e que fundou a compañía CARMAT, responsable da fabricación desta nova prótesis. Carpentier traballou en estreita colaboración cos enxeñeiros da empresa EADS que fabrica o avión Airbus e o satélite europeo Ariane, a fin de lograr unha miniaturización extrema. O equipo enfrontouse ao reto de desenvolver un dispositivo capaz de funcionar nas severas condicións do sistema circulatorio humano e de bombear 35 millóns de veces ao ano durante un mínimo de cinco anos sen interrupcións.

A histórica intervención foi efectuada o pasado 18 de decembro, 46 anos despois do primeiro trasplante cardíaco, realizado por Christiaan Barnard o 3 de decembro de 1967, mobilizou un equipo de 16 persoas e durou 12 horas. A prótesis inxertada pesa 900 gramos, case tres veces o peso do órgano natural.

O novo corazón artificial ten catro válvulas e dous ventrículos que garanten unha funcionalidade e unha durabilidade exemplares e que reproduce exactamente o funcionamento do órgano humano, con dous ventrículos que mobilizan o sangue como o faría o músculo cardíaco e sensores que permiten acelerar ou desacelerar o ritmo, ou aumentar ou diminuír o fluxo, de modo que si o enfermo dorme, o ritmo cardíaco diminúe e si sobe escaleiras, acelérase. Como se adapta ao esforzo sen problema, cumpre o obxectivo de devolverlle ao paciente a súa total autonomía. Ademais, o corazón protésico de Carmat intentou evitar o rexeitamento do organismo utilizando un pericardio (a membrana que rodea ao corazón) tratado químicamente para reducir a resposta inmune do receptor.

Polo momento, o funcionamento dese órgano será posible grazas a dous pequenos motores alimentados por baterías que teñen unha autonomía de 4 a 6 horas e que deben ser transportados extracorpus. Nunha primeira etapa, ofrecerá unha solución práctica e sen riscos aos pacientes con insuficiencia cardíaca crónica terminal ou con deficiencias agudas irreversibles. Nun horizonte máis amplo, podería reemplazar os enxertos, cada vez máis difíciles por falta de donantes.


Publicado en A imaxe do día, Sabías que?, Saúde | Deixa un comentario

Novos avances na loita contra o VIH

Un equipo de científicos españois conseguiu por vez primeira no mundo deseñar moléculas sintéticas capaces de unirse ao material xenético do virus VIH e bloquear o seu replicación. O traballo foi coordinado por José Gallego, da Universidade Católica de Valencia San Vicente Mártir e contou coa colaboración de investigadores do Instituto de Saúde Carlos III, o Centro de Investigación Príncipe Felipe e a Universidade de Valencia.

As novas moléculas sintéticas inhiben a saída do material xenético do virus desde o núcleo da célula infectada ao citoplasma, polo que se bloquea a replicación do virus e impídese a infección doutras células.

O material xenético do VIH-1 codifica varias proteínas que lle permiten penetrar nas células humanas e multiplicarse dentro delas. Os novos inhibidores do virus, denominados terfenilos, foron deseñados mediante ordenador para reproducir as interaccións dunha das proteínas codificadas polo virus, a proteína viral Rev. Desta forma, os terfenilos únense ao receptor de Rev no ARN viral impedindo a interacción entre a proteína e o seu receptor de ARN, necesaria para que o material xenético do virus salga do núcleo da célula infectada e, polo tanto, resulta esencial para a supervivencia do VIH-1. O feito de que os terfenilos bloqueen a saída do núcleo da célula do material xenético do virus evita a infección doutras células.
Os resultados desta investigación foron obxecto dunha solicitude de patente e os tres laboratorios implicados continúan a súa colaboración con obxecto de mellorar as propiedades farmacolóxicas dos novos inhibidores de Rev.

 

 

Publicado en Saúde | Deixa un comentario

Infección por un tubo

Nicola Abrescia, investigador do CIC bioGUNE (Centro de Investigación Cooperativa bioGUNE no País Vasco, en colaboración co Finnish Centre of Excellence in Virus Research University of Helsinki (Finlandia), descubriu unha nova forma que teñen os virus de infectar as células. O mecanismo implica a formación dun tubo condutor do seu xenoma para trasferir o material xenético ao interior da célula. No momento de infectar unha bacteria, este virus logra conformar un tubo reestruturando a súa cápsida icosaédrica e remodelando a vesícula interna, rica en proteínas de membrana. O virus PRD1 infecta a bacterias como Salmonella ou E. coli, de modo que si a ciencia consegue comprender como perfora e penetra nas células podemos pensar en recrear no laboratorio, de xeito artificial, tubos semellantes aos que produce este virus para avanzar na loita contra estas infeccións.

Publicado en Sabías que?, Saúde | Deixa un comentario

Pon un oso panda na túa vida

 

Ás 03:45 horas da madrugada do pasado 30 de agosto, Hua Zui Ba, a femia de panda xigante do Zoo Aquarium de Madrid daba a luz, tras 131 días de xestación, a esta cría que será presentada ao público este fin de semana. Nestes dous meses de vida pasou dos seus 210 gramos iniciais a ir incrementando o seu peso en aproximadamente 50 gramos diarios até chegar aos 4,166 quilos actuais.

Todos os internautas que desexedes participar na votación do nome da cría debedes entrar na páxina oficial de Facebook do Zoo, https://es-es.facebook.com/ZooMadrid até o próximo 5 de decembro, cando se cumpren os 100 días do seu nacemento, segundo manda a tradición chinesa. Hai cinco propostas oficiais: De Mao (gato de Madrid), De Fu (fortuna ou agasallo de Madrid), Xi Fu (fortuna ou agasallo de España), De Bao (bebé ou pequeno de Madrid) e Xing Bao (tesouro de estrela, en referencia ao nome do seu proxenitor Bing Xing (estrela de xeo) que vén significar o tesouro do seu pai ou “tesouro de estrela”). Así que xa sabes, se queres pór un panda na túa vida, participa.

Na actualidade quedan menos de 300 exemplares de oso panda xigante en catividade e ao redor de 1.600 no seu hábitat En Europa, só existen exemplares desta especie nos zoos de Viena, Beauval, Edimburgo e Madrid.



Publicado en A imaxe do día, Biodiversidade, Sabías que? | Deixa un comentario

O poder das células nai do cordón umbilical

Un dos grandes problemas para o tratamento dos grandes queimados é que para reconstruír a zona danada utilízase pel artificial, creada a partir de cultivos celulares de tecido san obtido do propio paciente. Para iso é necesario cultivar en laboratorio distintos tipos de células e crear unha malla, construída a base de proteínas humanas e derivados de algas sobre a que dispor pel sa, o que implica esperar uns 20 días para a súa obtención. Pois ben, un equipo de científicos españois encabezado por Antonio Campos, catedrático de Histoloxía da Universidade de Granada, demostrou a capacidade que teñen as células nai da xelatina de Wharton, unha sustancia que rodea e dá soporte aos vasos sanguíneos do cordón umbilical, para diferenciarse e constituír epitelios de revestimento de pel. Os investigadores utilizaron como dermis, a capa soporte da epidermis, un biomaterial deseñado e desenvolvido por eles realizado con fibrina e un polímero de galactosa, a agarosa, e como epidermis os epitelios cultivados coas células de Wharton do cordón umbilical. Até agora ningún grupo de investigación lograra construír pel artificial deste xeito. Este modelo de pel podería estar dispoñible en bancos de tecidos, o que permitiría o seu uso inmediato unha vez producidas as lesións aínda que tería unhas características de histocompatibilidade distintas ao receptor e podería haber problemas de rexeitamento; é evidente que hai que profundar neste aspecto en futuros ensaios, pero o futuro é prometedor.

Publicado en Saúde | Deixa un comentario