Todo un artista

Cando os mergulladores baixaban ao fondo do mar da illa Amami-Oshima, en Xapón, atopábanse cuns impresionantes debuxos circulares duns dous metros de diámetro. Que ou quen fora o responsable destes mandalas xigantes? A solución a este enigma desvelouse en 2.011 cando investigadores da revista Nature descubriron a un pequeno peixe globo de só 12 cm  do xénero Torquigener construíndo durante máis dunha semana estas estruturas. Bate as súas pequenas aletas para crear este niño circular que, finalmente, decorará con anacos de cunchas e coral. A femia, só se está satisfeita co traballo, achegarase  ao círculo central apenas un minuto. Irase. Volverá. E decidirá. Entón, o macho achegarase á femia con movementos relampagueantes. Se finalmente deixa aí os seus ovos, desaparecerá para sempre e o macho coidará da posta durante seis días, tempo suficiente para que o mar e as súas correntes acaben coa súa obra de arte. Non tentará arranxala, nin a reconstruirá no mesmo lugar. Irase a outra zona, non moi afastada, e o ritual volverá comezar.

Queres ver como traballa este artista? Mira o vídeo e gózao!

Esta entrada foi publicada en Biodiversidade, Con nome propio, Sabías que?. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta