Unha audaz viaxeira

Imagen2Mponeg é a mina de ouro máis profunda do noso planeta situada en Carletonville, ao suroeste de Johannesburgo, en Sudáfrica. Aquí traballan 5700 mineiros desprazándose por máis túneles que os do metro de Nova York.

Nesta explotación, a 2,8 km de profundidade, sobrevive grazas á desintegración radioactiva de uranio das rocas adxacentes o primeiro ecosistema terrestre composto por unha única especie biolóxica, Candidatus Desulforudis audaxviator, sometida a unha temperatura de 60ºC, en total escuridade e sen osíxeno.

O longo percorrido cara ás profundidades da Terra desta bacteria cilíndrica foi posible porque conta con xenes sumamente versátiles que lle permiten producir todos os aminoácidos que necesita e obter nitróxeno directamente do medio ambiente. Lembremos que tanto o carbono como o nitróxeno son estruturas básicas da vida e utilízanse na formación de proteínas e ácidos nucleicos.

Os científicos do  Laboratorio Nacional Lawrence Berkeley, en California, que  levaron a cabo a secuenciación do ADN da bacteria, tomaron unha mostra de auga da mina agardando secuenciar o xenoma enteiro da especie máis dominante da zona ou, quizais, dun 70% a 80% do xenoma de varias especies pero en lugar disto o que descubriron foi que máis do 99,9% do ADN da mostra proviña dun simple organismo e o resto serían rastros de contaminación da mina e do laboratorio.

Candidatus D. audaxviator representa ao tipo de organismo que podería ofrecernos a clave de vida baixo a superficie de Marte ou de Enceladus, unha das lúas de Saturno.

Por certo: o nome da bacteria procede da obra de Xulio Verne “Viaxe ao centro da Terra” onde o seu protagonista, o profesor Lidenbrock, descifra unha mensaxe que di en latín: “Descende, Audax viator, e alcanza o centro da Terra”.

Esta entrada foi publicada en Biodiversidade, Sabías que?. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta