A xogar!

170112172644-paperfuge-diagnostic-tool-exlarge-169Na actualidade as centrifugadoras son un elemento esencial nos laboratorios biomédicos pois permiten facer xirar mostras de sangue a altas velocidades para acelerar a sedimentación dos seus compoñentes segundo a súa densidade. Desta maneira separan o plasma das células, o que permite diagnosticar un gran número de enfermidades.
Pero as centrifugadoras son aparellos caros e moitos países en vías de desenvolvemento non poden facer fronte ao gasto que supón a súa adquisición; en moitos casos, ademais, tampouco poden utilizalas correctamente pois os cortes de subministración eléctrica son habituais. Por iso, a centrifugadora de papel inspirada nun antigo xoguete, que acaba de ser deseñada por un grupo de estudantes da Universidade de Stanford (USA) podería ser a solución perfecta, xa que o seu custo é de apenas 20 centavos de dólar e non necesita electricidade para o seu funcionamento.
O resultado, chamado Paperfuge (papelfugadora) foi publicado en Nature Biomedical Engineering e consiste en depositar o sangue dentro de tubos capilares  entre dous discos de papel e suxéitanse con tiras de velcro. O movemento xiratorio para centrifugar lógrase enrolando e desenrolando, grazas a dúas asas de madeira, dúas cordas feitas de fío de pesca que atravesan o centro dos discos. Con este mecanismo conséguese centrifugar o sangue a unhas 20.000 revolucións por minuto (velocidade comparable ás centrifugadoras tradicionais) e pode alcanzar até 125.000 revolucións por minuto, a maior velocidade de rotación alcanzada por un aparello accionado con forza humana. Con este sinxelo mecanismo conséguese separar o plasma do sangue en dous minutos e pode usarse para detectar a malaria en menos de quince. Está claro que xogar estimula o inxenio!

Esta entrada foi publicada en Sabías que?, Saúde. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta