Teño gripe?

Imagen1

A gripe estacional é unha infección provocada por virus que circulan por todo o mundo  e que poden afectar a calquera de nós pois se transmiten facilmente dunha persoa a outra.

Hai tres tipos de gripe estacional: A, B e C. Os virus gripais de tipo A clasifícanse en subtipos en función das diferentes combinacións de dúas proteínas da superficie do virus, as proteínas H (hemaglutininas), responsables da fixación do virus ao ácido siálico presente nas membranas das células do noso sistema respiratorio, e as proteínas N (neuraminidasas) que tamén recoñecen ao ácido siálico da membrana celular pero que realizan a súa función de maneira oposta, pois axudan ao virus a deixar a célula infectada. Aínda que son coñecidos máis de 15 tipos de hemaglutininas, as H1, H2 e H3 son as máis comúns en virus que infectan aos humanos. Tamén son clasificadas de acordo coa súa variedade as neuraminidasas e aunque son coñecidas 9, as N1 e N2 son as máis frecuentes na nosa especie.

Os virus de tipo B circulantes poden dividirse en dous grandes grupos ou liñaxes (B/Yamagata e B/Vitoria), e non se clasifican en subtipos.

Os virus de tipo C detéctanse con moito menos frecuencia e adoitan causar infeccións leves, polo que o seu impacto na saúde pública é menos importante.

Os virus A e B circulantes causan brotes e epidemias. É por iso que nas vacinas contra a gripe estacional inclúense as cepas pertinentes de virus A e B. Na actualidade están a circular no ser humano virus dos subtipos A (H1N1) e A (H3N2).

A gripe estacional caracterízase polo inicio súbito de febre alta, tose (xeralmente seca), dores musculares, articulares, de cabeza e garganta, intenso malestar e abundante secreción nasal. A tose pode ser intensa e durar 2 semanas ou máis. A febre e os demais síntomas adoitan desaparecer na maioría dos casos no prazo dunha semana, sen necesidade de atención médica.

A forma máis eficaz de previr a enfermidade e as súas consecuencias graves é a vacinación. Hai máis de 60 anos que veñen utilizando vacinas seguras e eficaces. Nos adultos sans a vacinación antigripal pode proporcionar unha protección razoable. Nos anciáns pode ser menos efectiva para previr a enfermidade, pero aínda así reduce a súa gravidade e a incidencia de complicacións e mortes.

A OMS recomenda a vacinación anual para as mulleres embarazadas en calquera etapa do embarazo, os nenos de 6 meses a 5 anos, as persoas maiores de 65 anos, os traballadores da saúde, os enfermos crónicos, para as persoas que corren maior risco de sufrir complicacións por mor da gripe e  para as que viven con pacientes de alto risco, ou que coidan deles.

O tratamento da gripe común baséase sinxelamente no control dos síntomas. A gripe debe seguir sempre o seu curso, pero pódense tomar certas medidas para aliviar os síntomas: acentuar o repouso, tomar un analxésico suave para acougar as molestias, a condición de que non teña contraindicacións, e beber auga e zumes en abundancia. Así mesmo, é de interese extremar as medidas hixiénicas habituais (lavarse frecuentemente as mans, usar panos desechables…) e taparse o nariz e a boca ao estornudar e/ou toser para evitar a transmisión da enfermidade ás persoas que rodean ao enfermo. Non hai ningún medicamento que cure a gripe, de modo que o seu tratamento redúcese ao alivio dos síntomas (antitérmicos, analxésicos…). Tamén é necesario lembrar que ao ser un proceso vírico non é eficaz o tratamento con antibióticos!

Se tes gripe xa sabes: dura sete días con tratamento médico, e sen él… tamén.

Esta entrada foi publicada en Sabías que?, Saúde. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta