Caeu a nave Progress M-27 M

14302982871849A nave de carga non tripulada Progress M-27 M que debía levar 2,4 toneladas de subministracións, combustible, osíxeno, alimentos e equipos científicos á Estación Espacial Internacional (ISS) foi lanzada ao espazo o pasado 28 de abril desde o centro espacial de Baikonur, en Kazajstán e estaba previsto que se axustase co módulo Pirs do segmento ruso da ISS seis horas despois do despegamento. Por motivos descoñecidos, o lanzador Soyuz-2-1A situou á nave nunha órbita máis baixa do prevista, de 180 x 260 quilómetros de altura e 51,65º de inclinación no canto dos 193 x 238 quilómetros e 51,67º previstos e deixou de enviar datos telemétricos á Terra. Os esforzos por recuperar o control sobre ela resultaron infrutuosos, de modo que practicamente desde un comezo quedou claro que non alcanzaría o seu obxectivo e precipitaríase a terra. Así ocorreu: segundo a axencia espacial rusa, Roscosmos, a nave deixou de existir á 05.04 hora de Moscova (02.04 GMT) tras entrar nas capas densas da atmosfera, comezar a arder e precipitarse na parte central do océano Pacífico. O próximo cargueiro podería lanzarse á estación espacial antes do 8 de agosto, data prevista inicialmente no gráfico de voos da axencia espacial rusa. En calquera caso, a tripulación actual da ISS conta a bordo con subministracións suficientes, incluídos auga e osíxeno, para continuar con normalidade a súa vida no espazo.
A Estación Espacial Internacional (ISS) é un proxecto no que participan 16 países e que conta con tripulantes a bordo de maneira continuada desde o ano 2000, ten unha masa de preto de 450 toneladas e orbita a unha distancia de entre 335 e 460 quilómetros da Terra, cunha velocidade duns 27.000 quilómetros por hora. A tripulación actual da ISS está integrada polos rusos Antón Shkaplerov, Guennadi Padalka e Mijaíl Kornienko, a italiana Samantha Cristoforetti e os estadounidenses Terry Virts e Scott Kelly.

Esta entrada foi publicada en A imaxe do día, Sabías que?. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta