O Hubble cumpre 25 anos

O complexo científico espacial, de 13,2 metros de longo, 4,2 de ancho e un peso de case doce toneladas foi posto en órbita desde o Centro Espacial Kennedy (Florida) o 24 de abril de 1990 pero non empezou con grandes logros: moi pronto os científicos descubriron que o seu espello principal tiña unha aberración esférica: o seu bordo externo estaba máis plano do desexable, o que facía que as imaxes se visen borrosas. O fallo solucionouse o 2 de decembro de 1993 cando os astronautas do transbordador espacial Endeavour repararon o telescopio e, desde entón, a nosa percepción do universo e o noso sitio nel nunca volveron a ser os mesmos. O Hubble sitúase nos bordos exteriores da atmosfera, en órbita circular arredor da Terra a 593 kilómetros sobre o nivel do mar, que tarda en percorrer entre 96 e  97 minutos. Aínda que vive no seu mellor momento, a misión do Hubble non poderá prolongarse moito máis e na súa etapa final convivirá co seu substituto: o telescopio espacial James Webb, que estará listo en 2018 e espérase que opere durante polo menos cinco anos. Tras a quinta e última misión en 2009 para reparar e mellorar os seus sistemas, a NASA anunciou que non esperaba que o telescopio espacial seguise funcionando máis aló de 2014. Con todo aí segue, e acaba de cumprir 25 anos.

As imaxes do Hubble inspiraron poesía, danza e música, como a canción Telescopio Hubble, do grupo español Lori Meyers, coa que a canle de televisión National Geographic conmemora o cuarto de século deste gran avance tecnolóxico.


Esta entrada foi publicada en Sabías que?. Garda o enlace permanente.