Berros contra a SIDA

Cada 1 de decembro, Día Mundial da SIDA, persoas de todo o mundo aúnan esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar a súa solidariedade internacional ante a pandemia. Segundo as cifras de 2008 publicadas pola OMS, hai actualmente 33,4 millóns de afectados polo VIH. Estímase que este ano resultaron infectadas polo virus 2,7 millóns de persoas, e que 2 millóns morreron de SIDA. O África subsahariana continúa sendo a rexión máis afectada polo VIH. En 2008, dita rexión tiña o 67% das infeccións por VIH a nivel mundial, 68% dos novos casos nos adultos e o 91% das novas infeccións nos nenos.

En España, case un terzo dos 4.000 novos infectados por VIH cada ano son mozos de entre 20 e 29 anos, aínda que a maioría dos novos infectados teñen unha media de 37 anos e contaxiáronse por vía sexual no 80 % dos casos. Os mozos, conscientes das vías de transmisión, non adoitan presentar a percepción do risco porque a maioría coñeceron a enfermidade nun momento no que a gravidade da infección non é a de hai unhas décadas. A cronificación da enfermidade fai que, ademais, non tomen as medidas de prevención adecuadas.

Noise against AIDS (Berros contra a SIDA) é a campaña nacional deste ano contra o VIH. Unha idea que, a diferenza de ocasións anteriores, ademais de estar dirixida ao público xuvenil, tamén está pensada e deseñada polos propios mozos. É o vídeo  gañador da I edición do concurso HIV Think Tank, unha iniciativa pioneira impulsada pola Coordinadora Estatal de VIH-Sida (CESIDA) coa colaboración da empresa farmacéutica Janssen. Ten unha duración de apenas catro minutos pero merece a pena velo. Trátase de involucrar aos mozos universitarios na loita contra o VIH  para que todos, sen excepción, eviten condutas sexuais de risco que permitan chegar a unha xeración “libre de sida”.

Esta entrada foi publicada en A imaxe do día, Sabías que?, Saúde. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta