Mares de plástico

Hai uns anos que os científicos teñen datos preocupantes sobre a existencia de grandes acumulacións de residuos plásticos nos océanos.

Andrés Cózar,  biólogo mariño que traballa na Universidade de Cádiz publicou o primeiro mapa da distribución dos refugallos plásticos na superficie do océano na prestixiosa revista Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS, polas súas siglas en inglés).

Para a súa elaboración, Cózar baseouse nos datos recollidos durante a Expedición científica Malaspina 2.010 e a información obtida durante outras campañas nas rexións polares, o Pacífico Sur e o Atlántico Norte. Os científicos tomaron preto de 200.000 mostras de auga, plancto, partículas da atmosfera e gases en 313 puntos dos océanos Índico, Pacífico e Atlántico con profundidades de até 6.000 metros. A bordo mediron a temperatura e salinidade, as propiedades da superficie, a acústica das correntes mariñas, a concentración de osíxeno e dióxido carbono no mar e na atmosfera e o alcance da luz solar, entre outros parámetros.

Os datos amosan que o problema da contaminación por residuos plásticos ten carácter planetario. Os principais residuos atopados son polietileno e polipropileno, polímeros empregados na elaboración de produtos de uso diario como bolsas, colectores de bebida e comida, utensilios de cociña e xoguetes.

Estes microplásticos inflúen no comportamento e na cadea alimenticia dos organismos mariños. Por unha banda, os diminutos fragmentos plásticos a miúdo acumulan contaminantes que, en caso de inxesta, poden pasar aos organismos durante a dixestión. Ademais, os plásticos son os responsables dunha gran cantidade de obstrucións gastrointestinais. Pero, como sinala Andrés Cózar, a maior parte dos impactos que está a causar a contaminación por plástico nos océanos aínda non se coñecen.

Esta entrada foi publicada en Cambio climático, Sabías que?. Garda o enlace permanente.