Un pouco máis orientados

Hoxe luns, a Asemblea Nobel do Instituto Karolinska de Estocolmo anunciou os gañadores do Premio Nobel en Fisioloxía ou Medicina 2014. O premio foi outorgado ao británico-estadounidense John O’Keefe e ao matrimonio noruegués formado por May-Britt e Edvard Moser.

John O’Keefe dirixe o Centro Sainsbury Wellcome de Circuítos Neuronais e Comportamento no University College de Londres. En  1.971  descubriu que o hipocampo, unha rexión que se atopa baixo a cortiza cerebral no lóbulo temporal medio e que debe o seu nome a súa forma, semellante á dun hipocampo ou cabaliño de mar, alberga  neuronas que codifican a localización específica dun animal, a localización dos obxectos desexables, tales como os alimentos e as ameazas que hai que evitar, é dicir, que actúa como un “mapa cognitivo” que representa o espazo ambiental e guía de orientación o que, presumiblemente, tamén ocorre nos seres humanos. O seu  traballo suxire, ademáis, que o hipocampo pode desempeñar un papel na memoria episódica. A memoria episódica consiste na capacidade de aprender, almacenar e recuperar información acerca de experiencias persoais únicas que ocorren na vida diaria. Estes recordos adoitan incluír información sobre a hora e o lugar dun evento, así como información detallada sobre o evento en si. A capacidade, por exemplo, de describir os detalles do primeiro día na escola ou dunha reunión na oficina que levouse a cabo nas semanas ou meses anteriores, depende en gran medida da memoria episódica intacta.

Máis de tres décadas despois, en 2005, o matrimonio noruegués formado por May-Britt e Edvard Moser que traballa no Centro de computación neuronal da Fundación Kavli, en Trondheim,  descubriu outra compoñente clave do sistema de posicionamento do cerebro. Identificaron outro tipo de células nerviosas que xeran un sistema de coordenadas e permiten un posicionamento preciso e a procura de camiños. A súa investigación posterior amosou como estas células permiten determinar a posición e a orientación.

Sábese que un dos primeiros síntomas de relevancia mostrados polos pacientes de Alzheimer é un déficit na súa capacidade de orientación, polo que tenden a perderse en contornas familiares. Saber como esta función de memoria debería funcionar nas persoas sas, axudaranos a comprender o que cambiou nos pacientes con perda de memoria.

Esta entrada foi publicada en A imaxe do día. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta