O poder das células nai do cordón umbilical

Un dos grandes problemas para o tratamento dos grandes queimados é que para reconstruír a zona danada utilízase pel artificial, creada a partir de cultivos celulares de tecido san obtido do propio paciente. Para iso é necesario cultivar en laboratorio distintos tipos de células e crear unha malla, construída a base de proteínas humanas e derivados de algas sobre a que dispor pel sa, o que implica esperar uns 20 días para a súa obtención. Pois ben, un equipo de científicos españois encabezado por Antonio Campos, catedrático de Histoloxía da Universidade de Granada, demostrou a capacidade que teñen as células nai da xelatina de Wharton, unha sustancia que rodea e dá soporte aos vasos sanguíneos do cordón umbilical, para diferenciarse e constituír epitelios de revestimento de pel. Os investigadores utilizaron como dermis, a capa soporte da epidermis, un biomaterial deseñado e desenvolvido por eles realizado con fibrina e un polímero de galactosa, a agarosa, e como epidermis os epitelios cultivados coas células de Wharton do cordón umbilical. Até agora ningún grupo de investigación lograra construír pel artificial deste xeito. Este modelo de pel podería estar dispoñible en bancos de tecidos, o que permitiría o seu uso inmediato unha vez producidas as lesións aínda que tería unhas características de histocompatibilidade distintas ao receptor e podería haber problemas de rexeitamento; é evidente que hai que profundar neste aspecto en futuros ensaios, pero o futuro é prometedor.

Esta entrada foi publicada en Saúde. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta