Xa chega San Xoan!

A crenza popular sinala á noite de San Xoan como a máis curta do ano. Esa noite lembramos unha festividade moi antiga na que se festexaba a chegada do solsticio de verán, no hemisferio norte, cun rito que consistía en acender unha fogueira para dar máis forza ao sol e axudarlle a renovar a súa enerxía que, a partir deses días, ía facéndose máis débil,  pois os días vanse facendo máis curtos até o solsticio de inverno. A isto uníase a superstición de que  ese día era ideal para escorrentar aos malos espíritos, atraer aos bos e para librar encantamentos de amor e fertilidade. De feito, un dos rituais desta noite é arroxar ás chamas todos aqueles recordos negativos dos últimos doce meses para liberarnos do pasado e comezar con enerxías renovadas. Coa chegada do cristianismo, a noite de San Xoan mantívose e adoptou un novo significado. Segundo a tradición, Zacarías mandou acender unha fogueira para anunciar aos seus parentes o nacemento do seu fillo, Xoan Bautista, que coincidía coa noite de solsticio de verán e que veu ao mundo coa misión de ser o precursor do esperado mesías, polo que esa noite a auga estaría bendicida e mollarse con ela proporcionaría unha purificación interior do espírito e unha maior protección. Con todo, a ciencia sinálanos que o inicio das estacións vén dado por aqueles instantes en que a Terra se atopa nunhas determinadas posicións na súa órbita ao redor do Sol. No caso do verán, esta posición dáse no punto da eclíptica no que o Sol alcanza a súa posición máis boreal. O día que isto sucede, o Sol alcanza a súa máxima declinación Norte (+23º 27′) e durante varios días a súa altura máxima ao mediodía non cambia e, por iso, a esta circunstancia chamámoslle solsticio, do latín solstitium, sol  quieto. Neste instante, no hemisferio sur iníciase o inverno. O día do solsticio de verán corresponde ao de maior duración do ano. Ao redor desta data atópanse o día en que o Sol sae máis pronto e aquel en que se pon máis tarde. Un feito circunstancial non relacionado coas estacións dáse tamén nesta época: o día do afelio, é dicir, o día en que o Sol e a Terra están máis afastados entre si ao longo do ano. É este maior afastamento ao Sol a causa de que a Terra se mova máis lentamente ao longo da súa órbita elíptica durante o verán (segundo a terceira lei de Kepler) e, por tanto, a duración desta estación sexa maior. O verán de 2012, segundo cálculos do Observatorio Astronómico Nacional comezará o xoves 21 de xuño, e non o día 23, á 1h 9m hora oficial peninsular, unha hora menos en Canarias. Durará 93 días e 15 horas.

Noite arriba, noite abaixo, gocemos de San Xoan!

Esta entrada foi publicada en Sabías que?. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta