Santiago Ramón y Cajal

O 1 de Maio de 1852 nacía en Petilla de Aragón, un humilde lugar de Navarra, o primoxénito da familia Ramón y Cajal. Os seus pais empeñáronse en darlle a mellor educación posible, pero ninguén podía imaxinar que, medio século despois, Santiago lograría dous dos maiores recoñecementos que a comunidade científica internacional concedeu a un dos seus: a Medalla Helmholtz (ao científico europeo máis destacado de entre todas as disciplinas) e o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía, concedido ex aequo a Ramón y Cajal e a Camilo Golgi. Curiosamente, este Premio Nobel foi concedido, en palabras de Cajal, a dous irmáns siameses unidos por detrás, xa que cada un representaba unha corrente de opinión oposta á do outro: neuronismo (independencia das neuronas, defendida por Cajal e vixente na actualidade) versus reticularismo (as neuronas forman unha rede difusa, segundo Golgi).  O seu esquema estrutural do sistema nervioso como un aglomerado de unidades independentes e definidas pasou a coñecerse co nome de ‘doutrina da neurona’, e nela destaca a lei da polarización dinámica, modelo capaz de explicar a transmisión unidireccional do impulso nervioso. Santiago Ramón y Cajal finou o 17 de outubro de 1934, pouco despois de publicar a súa obra O mundo visto aos oitenta anos.

 

 

 

 

 

O médico español fundador da neurociencia moderna foi desde a súa infancia un gran amante da pintura. Os seus debuxos científicos forman parte, na súa maioría, da gran cantidade de volumes da súa obra científica.

Esta entrada foi publicada en Con nome propio. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta